Etiquetas
3 probas, Castelo de Moeche, ciclismo, duas rutas, Festival Irmandiño, froitos da terra, II Roda Irmandiña, irmandiños, Moeche, presentación, Regulamento Roda, Roda Irmandiña, ruta en bicileta, Sacho Irmandiño, test cultural
Cando no ano 2011 a Asociación Cultural “Irmandiños de Moeche” se fixo cargo do Festival Irmandiño pensamos que sería boa idea facer un acto de presentación da 32ª edición aproveitando o magnífico marco que nos proporciona o Castelo de Moeche. Pero preguntabámonos como poder atraer mais público á presentación, xa que ó ser o primeiro ano que a organizabamos temíamos que o noso poder de convocatoria fose mais ben escaso. E entón a un dos compañeiros da asociación, que é moi aficionado ó ciclismo, propuxo organizar unha ruta en bicileta pero dándolle un toque especial que nos diferenciase doutras probas similares que se organizan pola comarca. Falamos de facer probas de habilidade, preguntas sobre Moeche, sobre o castelo, a nosa historia e o Festival Irmandiño. E así naceu a I RODA IRMANDIÑA, organizada en apenas unha semana. Buscamos unha ruta polas estradas e camiños de Moeche, sinalizamos un percorrido de 15 km con mais imaxinación que medios, ideamos un test cunha ducia de preguntas e pensamos nun par de probas nas que había que demostrar maís humor que habilidade. E a pesares da precipitación obtivemos unha inesperada recompensa: unha gran afluencia de público e de participantes. Pero o millor foi ver que todo o mundo disfrutou dunha tarde de deporte, natureza e diversión. E os sorrisos que vimos na cara dos participantes e as felicitacións que escoitamos animaronos seguir organizando a Roda Irmandiña.
Este ano organizamos a II Roda Irmandiña o día 23 de xuño.Introducimos algunha novidade, como facer duas rutas, unha de 6 km asequible a persoas de todalas idades e condición física, e outra de 18 km, un pouco mais exixente, para maiores de 14 anos. Nesta última mantemos o mesmo esquema do ano pasado. Os participantes, en equipos de 2 persoas, deberán completar a ruta e enfrontarse a 3 probas e ó temido “test cultural”.
Esperamos repetir o éxito do ano pasado. Así que só vos podemos decir que von animedes a participar. Non vos podemos prometer grandes premios, que o noso presuposto non da para grandes alegrías. Pero tódolos participantes recibirán un pequeno agasallo e os gañadores faranse co “Sacho Irmandiño”, mítica arma esgrimida polos irmandiños do noso anagrama e tradicional ferramenta coa que arrancar os froitos da terra.
Deixámosvos este vídeo como mostra do ben que nolo pasamos o ano pasado… II Roda Irmandiña Moeche 2012
Vascho perder? Aínda estás a tempo! Regulamento Roda 2012