O Festival Irmandiño é un proxecto que naceu en 1980 como resposta á necesidade de proxectarnos como pobo con historia propia, como herdeiros duns galegos e galegas que, aló polo século XV, se rebelaron contra o poder establecido, contra unha situación social de opresión, abuso e miseria.
Os veciños e veciñas de Moeche desexaban naqueles primeiros anos da democracia contribuír, dende a cultura e a historia, a que Galiza tivese voz propia, como tivo noutros séculos. Deste xeito, o festival converteuse axiña nun referente cultural singular no país. E despois de mais de 30 anos queremos manter viva a chama irmandiña.