IV FESTIVAL IRMANDIÑO
20 de agosto de 1983
Foi esta unha das edicións máis díficiles das máis de trinta que levamos. A organización do festival esixía un orzamento maior e este dependía do clima. Se chovía no viña xente dabondo para cubrir os gastos e o risco de fracaso económico aumentaba. Ao final puido máis o corazón que a razón e preparouse o Festival. Pero semella que as dúbidas iniciais eran unha premonición, e o 20 de agosto choveu durante todo o dia, obrigando a suspender os concertos. O carácter solidario e de máxima colaboración viuse plasmado máis que nunca. Os veciños e veciñas de Moeche, o público que pese a choiva se achegou, mercou empanadas, biscoitos e sardiñas co fin de disminuír as perdas. Os grupos que ían actuar (FUXAN OS VENTOS,DOA, MANUELA E MIGUEL,BRATH e XACARANDAINA) só cobraron os gastos de desprazamento.
Cómpre destacar como novidade que o lugar de celebración do festival trasladase ó campo de Melle, situado a uns cincocentos metros do castelo e onde se leva desenvolvendo até o día de hoxe.
Organizou: ASOCIACIÓN DE VECIÑOS “CASTELO DE MOECHE”